lunes 22 de junio de 2009

Marcas negras


Manoel Santos
Biólogo. Director e fundador de Altermundo.


Chámanlles marcas brancas, mais só disfrazan de alba cor, de enganosa pureza, o mouro futuro do noso campesiñado, que en dúas décadas viu como o 90% das explotacións gandeiras eran exterminadas por un libre comercio que nada ten que ver coa liberdade.

Porén, son marcas negras, escuras coma o chapapote, marcas tinguidas de especulación, instrumentos de enfermiza acumulación capitalista creadas á conta da suor labrega, que baixo a ditadura da distribución alimentar serven de reclamo, ese enganar ao animal tan frecuente na mal chamada arte da cazaría. Da morte.

Deste xeito cazan ás nosas familias, que especialmente en tempos de crise procuran prezos baixos, malia que con iso se perda calidade. Así as mergullan no consumo compulsivo en grandes superficies, formigueiros de cobiza que non comercian con persoas, senón con consumidores.

Disque cada minuto nun Carrefour ou nun Alcampo somos bombardeados con até 3.000 estímulos comerciais. Si, bombardeados coma nunha guerra, a dos prezos, na que só sae perdendo quen produce o alimento. Este produto barato abaixo, este caro xusto enriba. Este no corredor máis frecuentado, este a carón da caixa e estoutro dámosllo a probar a ver se pican. Os parviños van levar moito máis do que precisan.

Como ben indica o Sindicato Labrego Galego, “que producimos alimentos vemos como estas estratexias de mercado fanse a conta nosa, reducindo o prezo dos produtos en orixe ou coa súa substitución por outros adquiridos en países do terceiro mundo con baixos custes, por mor da sobreexplotación dos labregos e das labregas, a ausencia de lexislacións ambientais e sanitarias, a nula presión fiscal, etc.”

O máis branco e prezado dos nosos alimentos, o leite, está entre os que máis se emprega nestas noxentas prácticas, mesmo vendéndose ilegalmente por baixo do prezo de produción. O que lles pagan aos nosos labregos e labregas non lles dá para cubrir os custes de produción e de mantemento das explotacións. Ao non poder estes reter o leite do muxir cotián, nin achegalo fresco ás mans da xente, coma nas sellas doutrora, vense na obriga de vendelo a prezos ridículos ás empresas transformadoras, que xunto ás distribuidoras para as que envasan marcas brancas exercen de señores feudais sen miramentos.

Quen facemos baixar pola gorxa ese branco alimento, quen o mercamos, temos unha responsabilidade para con este desestruturado país, pois cos nosos hábitos de consumo condicionamos a vida de moita xente. Podemos aforrar noutras cuestións, nunha chea delas, e ser conscientes de que deses céntimos que evitamos pagar ao mercar unha marca branca depende a autonomía e a dignidade de quen escaralla o lombo para producir os nosos alimentos.

Non é doado. Hogano, por exemplo, é case imposíbel saber se estamos a mercar leite galego ou non, e o acceso ao leite fresco, que sería o xeito máis responsábel e saudábel de consumilo, está case prohibido. Non queren labregos e labregas soberanos. Os gobernos teñen moito que facer si, máis nós temos a última palabra.