martes 27 de abril de 2010

Non foron noticia

Manuel Dios Diz

Entre o 22 e o 24 de Abril, tivo lugar en Fisterra, no IES Fin do Camiño, que nome máis acaído, precisamente neste Ano Xacobeo, o II Encontro Nacional de Mediadores de Conflitos, un proxecto de agrupación de centros escolares financiado polo Ministerio de Educación no que participan, ademais do citado de Galicia, o IES Portada Alta de Málaga, o Montes Obarenes de Miranda do Ebro, e o Alto Nalón de Asturias.


Un magnífico proxecto, denominado Arce, que supón a unión de varios centros de diferentes CC.AA. arredor da convivencia escolar e o estudio de estratexias como a mediación, o alumnado axudante e as aulas de convivencia, no que rapaces e rapazas de diferentes lugares do Estado, comparten, durante varios días, as súas experiencias mediadoras, aprenden a enfrontarse con simulacros de conflitos e a utilizar diverso material didáctico. Unha maneira extraordinaria de cooperar, superar medos e dúbidas, así como de coñecer as mellores práticas para ser unha boa persoa mediadora.

Pola súa parte, o seu profesorado traballou na redacción dun Manual de implantación do servizo de mediación escolar para que sexa de utilidade a outros moitos centros. Todo, nesta ocasión, coordinado desde Galicia, desde Fisterra, como antes o foi por Málaga, e da man dun equipo directivo moi dinámico, un exemplo de bo facer, desde hai anos, en materia de conflitividade e convivencia escolar.

Tiven ocasión de estar invitado no Acto Inaugural e debo destacar que son deses momentos emotivos, ilusionantes, nos que sentimos que o noso traballo, moitas veces calado, da froitos excelentes, como son esas mozas e mozos, maioritariamente mozas, que fan de mediadoras de conflitos nos seus respectivos centros, que titorizan a rapaces menores, que son parte esencial de calquera plan de mellora da convivencia escolar, e que o fan, desinteresadamente, cunha alegría e ilusión que contaxian para seguir redobrando os esforzos e facer do diálogo, da comunicación, do acordo, da concordia, as mellores maneiras de abordar calquera clase de conflito.

E non foron noticia. E apenas tivo difusión. A gran maioría dos colexios e dos institutos de Galicia non saben nada desta experiencia. Que pouco ten que ver coa “realidade” que habitualmente publican os medios. Comprendo que a normalidade non sexa obxecto do foco mediático. Pero que inxusto é. Moitas veces, unha simple pelexa á porta dun instituto ocupa a portada dun periódico ou sirve para abrir un telexornal. E isto da unha imaxe distorsionada da realidade educativa actual. Somos máis de 800.000 profesores e preto de 9 millóns de estudantes. A inmensa maioría son como os de Fisterra, conviven pacificamente, resolven razoablemente ben os seus conflitos, traballan na mellora da conviencia, cooperan, estudan, xogan, e son felices. Sen embargo, están invisibilizados. Non existen. Que lástima. Non son noticia. Por iso, precisamente por iso, hoxe, como humilde compensación, quero mandarlle publicamente os máis sinceros parabéns ó profesorado e ó alumnado do Fin do Camiño. Que menos... porque alá, no fin do camiño, onde o sol cae cada tarde, no mar océano, vale a pena mirar... e aprender.


E o Observatorio Galego da Convivencia Escolar, non debera facer o mesmo?



Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xª e Hª pola USC, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz.