miércoles, 7 de julio de 2010

Sobre o Foro 2010

Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz é o Secretario Coordinador do Foro 2010, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz.

O pasado día 11 déronse cita en Compostela, no Centro de Estudios Avanzados da USC, a práctica totalidade dos centros de educación e de investigación para a paz do Estado Español e de Portugal, movementos sociais, organizacións non gobernamentais, sindicatos, colexios profesionais, fundacións, cátedras, institutos... ate oitenta entidades de moi variada composición, pensamentos e accións, nunha nova reunión do Comité Organizador do Foro 2010, a quinta xa, desde que se constituíra en Marzo de 2008, baixo a presidencia de D. Federico Mayor Zaragoza, ex- director xeral da UNESCO e presidente da Fundación Cultura de Paz.

Na orde de traballos estaba, loxicamente, a preparación dun evento que porá a Santiago de Compostela e a Galicia como referente mundial da educación e da investigación para a paz, no remate do ano Xacobeo, durante todo o mes de Decembro, con actividades congresuais, reunións de alto nivel, un Foro Mundial de Educación (FME), a rama educativa do Foro Social Mundial (FSM) fundado en Porto Alegre, no Brasil, en 2001, canle e expresión, desde aquela, do movemento altermundialista internacional, das persoas que soñan e pulan por outro mundo posible, máis xusto, máis democrático, máis humano.

Neste 2010 danse varias coincidencias. Por unha banda, remata a Década da Cultura da Paz e a Nonviolencia de Nacións Unidas (2001-2010), os Obxectivos do Milenio acadan tamén un decenio, ó igual que a Fundación Cultura de Paz, mentres que o Seminario Galego de Educación para a Paz, promotor da iniciativa do Foro 2010, cumpre -nada menos- que 25 anos.

O Foro 2010 traerá a Compostela a recoñecidísimas personalidades, incluídos algúns premios nobel da paz, de tódolos recunchos do mundo, a organizacións e movementos sociais de países en conflito, para participar nos tres congresos programados sobre Información e Dereitos Humanos (7 e 8 de Decembro); o Cumio Mundial sobre o Dereito Humano á Paz (9 e 10) ou no Congreso sobre Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz (14 e 15).

Virán, ademais, para presentar actividades autoxestionadas no Foro Mundial de Educación temático, por primeira vez en Europa, do 10 ó 13 de Decembro, con experiencias educativas de tódolos continentes xa inscritas a data de hoxe e outras que chegarán nos próximos días.

O Acto inaugural do Foro 2010 será o día 3 de Decembro, no magnífico Paraninfo da Facultade de Historia e inmediatamente terá lugar a Reunión de Alto Nivel sobre a Alianza de Civilizacións e a Cultura da Paz (4 a 6).

Paralelamente, e durante todo o mes, en distintos espazos expositivos da cidade, haberá varias mostras artísticas e culturais diversas, de fotoxornalismo (Gervasio Sánchez e o Grupo Revela), Cómic e Literatura Infantil e Xuvenil antibelicista (Biblioteca Anxel Casal), Maratón de Cinema pacifista (Teatro Principal), Cinema e Dereitos Humanos (Cineuropa), actuacións musicais (World Orquestra) ou o Festival Mundial da Paz, o día 16, con Juanes, Miguel Bosé, Cristina del Valle, Paco Damas... e artistas galegos no Multiusos do Sar.

A numerosa participación na reunión do Comité Organizador do pasado día 11, a calidade das representacións, o apoio institucional prestado do Goberno do Estado, da Xunta, do Concello e da Universidade, e o bo facer de D. Federico Mayor Zaragoza, auguran que o Foro 2010 será un éxito rotundo.

Mais, ¿cómo será o post-foro, que quedará? Sen dúbida a experiencia, o intercambio de proxectos, a reflexión e a acción compartidas, a Declaración de Compostela... pero sobre todo as iniciativas que consoliden estruturas de participación política en materia de paz, é dicir, a Lei de Fomento da Cultura da Paz de Galicia, xa no Parlamento, a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, constituída recentemente, ou o Lar da Paz de Herbón en Padrón, un Centro Internacional de referencia onde formar, divulgar, investigar... en colaboración con centros similares de todo o mundo.

Na páxina web do Foro, www.foro2010.org, calquera persoa interesada pode atopar moita máis información, facer as inscricións, reservas, matrículas, incorporarse ós grupos de voluntariado, propor actividades autoxestionadas..., porque, a seis meses da súa apertura, parafraseando o vello dito do Mahatma Gandhi, “Non hai camiños para a Paz, a Paz é o Camiño, o Camiño de Compostela...