domingo, 8 de marzo de 2009

As mulleres traballamos, as mulleres contamos

Marcha Mundial das Mulleres (Coordinadora Galega)

Todos os anos, o 8 de Marzo, mulleres en todo o mundo mobilizámonos para reivindicar e esixir cambios que melloren as nosas condicións de vida e conquisten e consoliden dereitos que nos son negados. As mobilizacións mundiais este 8 de Marzo van facer referencia a como nos afecta ás mulleres esta crise de dimensións múltiples: de traballo, de acceso aos alimentos, enerxética, medioambiental e financeira. consecuencia do sistema capitalista e do neoliberalismo, da avaricia sen límites, da falta de transparencia e de control social que configuran a realidade financeira mundial.

Hoxe en día ninguén nega que as mulleres en todo o planeta, en maior ou menor grao, chegamos a esta situaciónde crise con clara desvantaxe. Os organismos internacionais aseguran que de cada 10 persoas pobres no planeta, 7 somos mulleres. Tamén afirman que posuímos só o 1% da propiedade da terra. O patriarcado, que historicamente mantén ás mulleres nunha situación de subordinación, encontrou no capitalismo un grande aliado.

En países occidentais como o noso, as estatísticas nos aseguran que somos maioría no paro, temos máis eventualidade e precariedade no emprego, e cobramos un 30% menos de salario. Esta realidade agudízase no caso das mulleres novas, do colectivo de mulleres ciganas ou mulleres inmigrantes. Somos maioría nos sectores laborais peor valorados e peor pagados, como son o marisqueo a pé, a conserva, o téxtil, limpeza, hostalaría e comercio, agricultura ou no servizo doméstico. Hai que sumar a todo isto que seguimos levando case toda a responsabilidade
do coidado e do traballo no ámbito doméstico.

Por iso, este 8 de Marzo, ao mobilizarnos e dirixirnos á sociedade e ás institucións, queremos concienciar econvencer da necesidade de resolver a crise económica superando as limitacións do neoliberalismo e do libre mercado, e facelo con alternativas que fortalezan os dereitos das mulleres e a participación en igualdade na actividade económica.

As políticas neoliberais emanadas dos intereses das grandes corporacións e aplicadas por organismos baixo o seu control (OMC, BM e FMI), concretáronse na privatización de servizos básicos como a sanidade e a educación, de recursos como a auga e a terra, con políticas de dependencia enerxética e alimentaria, destrución de tecidos produtivos... provocando un aumento da pobreza e a desigualdade en todo o planeta.

Asistimos con preocupación á aplicación, por parte de moitos gobernos, de medidas de loita contra a crise, que trasladan grandes cantidades de fondos públicos en axudas a grandes empresas e entidades financeiras. Todo menos intentar un control público das entidades financeiras, ou un novo modelo produtivo ao servizo das necesidades das persoas e non da produción e o consumo sen límites.

Os recursos públicos son imprescindíbeis para garantir os dereitos conquistados ao longo de décadas de loita feminista, para soster as intervencións de loita contra a violencia machista, para manter os servizos básicos como a saúde e a educación, a atención ás persoas dependentes, os programas de educación afectivo-sexual, as políticas de integración...

Tamén sabemos da importancia que ten para as mulleres o mantemento do emprego público para evitar a precarización, para evitar a discriminación no acceso ao emprego e na promoción laboral, para manter mellores condicións laborais, medidas específicas de protección por maternidade ou por ser vítimas de violencia, etc. dereitos básicos que dificilmente conseguimos ou podemos exercer nas empresas privadas.

Nós tamén sabemos botar ben as contas. Todo o diñeiro público destinado a quen amasou e amasa riqueza, vai supor números vermellos para manter os servizos públicos, as políticas sociais ou a creación de emprego. Por iso imos estar atentas, organizadas e activas para denunciar as políticas que reproduzan a exclusión das mulleres da actividade económica, ou que recorten as coberturas sociais que temos alcanzado até o momento. Imos esixir políticas decididas que se aparten da doutrina neoliberal e que aseguren non só a consolidación do que temos acadado até o momento, senón que supoñan un avance en dereitos e en igualdade.

Este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, imos estar mobilizadas xunto a moitas outras mulleres do planeta non para pedir unha refundación do capitalismo, senón para esixir o certificado da súa defunción. Porque queremos un modelo económico ao servizo das persoas e non do capital. Porque para o capitalismo son imprescindíbeis a produción e o consumo sen límites, mais para as persoas son imprescindíbeis os dereitos e os coidados.

sábado, 7 de marzo de 2009

O reto da igualdade: 8 de Marzo

Teresa Pedrosa,deputada delegada de Acción Social na Deputación Provincial de Pontevedra.

Neste 8 de marzo Día Internacional da Muller quero proclamar con maior intensidade se cabe os dereitos fundamentais de todos os individuos, homes e mulleres, como son a liberdade, a igualdade, a vida, a seguridade, á non discriminación.

Considero que un dos principais retos para os que temos responsabilidades políticas nestes primeiros anos do século XXI pasa por continuar o labor iniciado polas primeiras persoas que reivindicaron un espazo visible para as mulleres na sociedade: no mundo laboral, no mundo universitario, na administración e nos postos de decisión política.

Sen embargo, temos que ser conscientes de que en todo o mundo miles de mulleres continúan sendo membros invisibles e desprotexidos, a pesares de constituír maioritariamente a columna vertebral das familias.

A violencia de xénero, sen ir máis lonxe, constitúe unha das principais lacras da nosa sociedade ata o punto de que o número de mulleres falecidas no 2008 a mans das súas parellas elevouse a 75 e no que vai de ano xa son 5 as vítimas da violencia machista (segundo o Ministerio de Igualdade).

Debemos loitar por unha sociedade na que a igualdade de oportunidades sexa unha realidade e non unha promesa. Avanzar para que a taxa de emprego entre homes e mulleres se equipare; para que as mulleres con vontade de traballar podan facelo con todas as garantías e co mesmo nivel de estabilidade laboral e retributiva que os homes. Do mesmo xeito, é necesario traballar na procura dun marco favorable que nos permita ás mulleres desenvolver as nosas capacidades laborais e emprendedoras.

Debemos crear as condicións necesarias para conciliar a vida laboral e familiar. A plena participación, en condicións de igualdade, da muller na vida política, civil, económica, social e cultural e a erradicación de todas as formas de discriminación por razóns de sexo, este debe ser un dos nosos principais cabalos de batalla. Continuaremos traballando para eliminar a inestabilidade laboral e a temporalidade dos contratos que seguen afectando principalmente ás mulleres e seguiremos reclamando a equiparación salarial entre homes e mulleres.

Tamén consideramos que é fundamental favorecer o reparto das tarefas domésticas, así como do coidado das persoas dependentes, un traballo que habitualmente asumen as mulleres e que non é debidamente recoñecido.

Está claro que non debemos -nin podemos- permitirnos o luxo de prescindir da capacidade, das ideas, do punto de vista da metade da nosa poboación. Sobre todo, cando andamos o camiño para a construción dunha sociedade máis xusta e con maiores oportunidades para os seus membros, na que todos somos necesarios.